Cirurxía de cataratas en Santiago de Compostela

Cataratas

As cataratas son, na gran maioría dos casos unha evolución natural do envellecemento ocular.

Todos temos dentro dos nosos ollos unha lente natural chamada cristalino, que é completamente transparente e deixa pasar a luz dentro do ollo. Esta lente natural, xunto coa córnea (a parte máis anterior do ollo) son as responsables de enfocar a imaxe na retina e, polo tanto, o balance entre elas determina se a persoa é hipermétrope, miope ou ten astigmatismo é dicir, se necesita ou non usar anteollos.

Cos anos o cristalino empeza a perder a súa transparencia, ben sexa polo paso do tempo ou por outras causas como enfermidades (diabetes) ou o uso de medicación (corticoides). Esta opacidade da lente cristalina dificulta a entrada de luz ao ollo e polo tanto vai producindo diminución da visión, e nalgúns casos, cambios na gradación das lentes.

Non sempre as cataratas fan que o paciente note perda de visión, en moitos casos esta diminución é lentamente progresiva no tempo e a persoa non o nota. Con todo, hai unha evidente perda da percepción das cores, do contraste das cousas e da sensación de falta de luz. Moitas veces o primeiro síntoma da presenza dunha catarata é a dificultade na condución nocturna.

Tratamento

O tratamento da catarata sempre é cirúrxico, é dicir, operando. A antiga idea ou crenza popular de que a catarata tiña que estar “madura” para operar, é hoxe en día completamente falsa.

No pasado retirar unha catarata do ollo era un procedemento laborioso, de longa duración, no que se tiña que inxectar anestesia cunha agulla por detrás do globo ocular e onde se realizaba unha incisión ampla no ollo coa posterior colocación de puntos polo que, se a catarata non era moi densa o risco non xustificaba a cirurxía.

Hoxe en día é todo o contrario, a cirurxía realízase por micro incisións, mantendo todo o tempo a cámara anterior estable, utilízase anestesia en gotas (as mesmas que se usan na consulta), a súa duración é de aproximadamente 10 minutos e o paciente sae sen vendaxe algnha e podendo realizar unha vida relativamente normal ao día seguinte da intervención.

Polos motivos anteriores, nos nosos días a catarata é recomendable operala cando inicien os síntomas, como son a dificultade de condución nocturna, cambio de gradación, molestias á claridade (fotofobia), falta de visión adecuada de cores ou percepción de diminución da agudeza visual. Existen cataratas que ao non ser centrais ou ser moi incipientes, non causan sintomatoloxía e non requiren cirurxía. Deixar “madurar” unha catarata, hoxe en día, só incrementa o risco e as complicacións da futura cirurxía.

Cirurxía

A cirurxía da catarata hoxe en día realízase a través de facoemulsificación. Metémonos no interior do ollo e eliminamos a lente cristalina (que xa está opaca) co seu contido ou núcleo, coma se “a comeramos” e "aspiraramos" deixando a “bolsa” ou “envoltura” do cristalino (á que chamamos cápsula) para poder introducir a lente artificial que servirá para substituír ao cristalino natural. Se deixamos madurar moito a catarata este núcleo será máis difícil de “comer” ou "aspirar" e fará o procedemento máis laborioso, podendo danar outras estruturas dentro do ollo e facer a recuperación máis lenta. Este procedemento, hoxe en día, pode facilitarse a través do emprego do láser de femtosegundo.

Toda cirurxía de catarata, ao ser esta una opacidade da lente natural cristalina, finaliza co implante dentro do ollo dunha lente artificial que substitúe á lente que retiramos. Esta nova lente permanecerá dentro do ollo para sempre, e ao ser artificial e non envellecer, a visión obtida será definitiva. O tipo de lente intraocular que se introduce no ollo de cada paciente será distinta segundo as necesidades de cada persoa, pero de ser posible, sempre se tentará poñer unha lente que elimine a necesidade de anteollos despois da cirurxía.

Pedir cita
Galego