Lentes Intraoculares Premiumen Santiago de Compostela

Que son?

As lentes intraoculares son elementos deseñados para substituír á lente natural do ollo, o cristalino.

O seu deseño está feito para que se adapte a ese “saco” ou cápsula que rodea ao núcleo do cristalino que é o que quitamos na cirurxía da catarata ou da presbicia. Debido ao seu deseño e material de fabricación, as lentes están feitas para permanecer no ollo para sempre.

A gradación da lente intraocular realízase en base a unhas exploracións moi precisas e sofisticadas mediante un láser de interferometría óptica, o uso de topógrafos corneais e aplicando unhas fórmulas específicas, distintas en cada paciente, que nos permite compensar defectos previos de gradación e así calcular que lente necesita cada paciente para eliminar o uso de lentes despois de operarse de catarata ou de cirurxía da presbicia.

Lentes monofocais (convencionais)

Son aquelas que, como o seu nome indica, teñen un só foco para os raios de luz que veñen dende o exterior.

Este tipo de lentes é a que se implantan nas cirurxías “normais” de catarata. Ao ter un só foco e ser ríxidas imitan ao cristalino envellecido e os pacientes que levan este tipo de lentes adoitan requirir anteollos (ben sexa para lonxe, para preto, para astigmatismo ou progresivas) despois da cirurxía. En pacientes con enfermidades da retina como dexeneración macular, retinopatía diabética, membranas epirretinianas, etc, estas lentes son as máis aconsellables. A súa gran vantaxe é que non xeran halos, reflexos ou fenómenos disfotopsicos de importancia na visión do paciente.

Lentes monofocais tóricas

Ten un só punto focal polo que os pacientes que as leven terán que levar lentes de lonxe ou de preto despois de cirurxía.

A gran vantaxe destas lentes con respecto ás monofocais convencionais é que con elas podemos corrixir astigmatismos elevados, dándolle así a oportunidade a moitos pacientes de mellorar de xeito moi importante a súa calidade visual e quitando a dependencia dos anteollos de forma significativa. Moitas veces evitan realizar algún retoque con láser en pacientes que polo seu astigmatismo así o requiran. Nalgúns pacientes con ambliopía ( "ollo vago")  son de gran utilidade.

Lentes EDOF

As lentes EDOF, ou de rango estendido, son unhas lentes de recente aparición que tratan de manter as vantaxes das lentes monfocais pero mellorando a visión intermedia e próxima das lentes convencionais.

Estas lentes dan un foco ou rango de visión estendido, facendo que o paciente vexa nítido de lonxe, pero que para a súa visión intermedia e próxima non sexa tan dependente dos anteollos( como coas lentes monofocais) e sen xerar halos e reflexos como outros tipos de lentes.

Con estas lentes non é posible asegurarlle ao paciente que, despois de operado, poida ver de preto sen anteollos pero si que a súa calidade visual próxima e intermedia será moito mellor que cunha lente monofocal convencional, sendo a visión de lonxe igual de boa con ambas as lentes.

Lentes Trifocais Premium

As lentes trifocais son lentes de deseño óptico complexo que se basean ben na refracción ou ben na difracción da luz para producir múltiples focos que, para a súa simplificación, definiremos en afastado, mediano e próximo. A creación de múltiples focos fará que sexa posible para o paciente operado con este tipo de lentes, non ter que usar anteollos despois da cirurxía de catarata.

Este tipo de lentes non só se utilizan na cirurxía da catarata senón que tamén son o tratamento definitivo para a presbicia ou vista cansa nalgúns pacientes que desexen quitarse as lentes progresivas.

Ao repartir a luz e as imaxes que chegan en varios puntos á vez, pode baixar un pouco a calidade de visión, tanto de lonxe como de preto. É por iso que as lentes intraoculares multifocais non están indicadas en ollos con problemas oculares engadidos que xa de seu diminúen a capacidade visual do ollo, como problemas de retina, sequidade ocular severa ou glaucomas avanzados. Estas lentes, á súa vez, xeran fenómenos disfotopsicos que o paciente adoita referir como “halos” ou “reflexos”, xeralmente ao redor de luces/lámpadas polas noites pero tamén, ocasionalmente imaxes “pantasmas” ao ler. Estes fenómenos adoitan ser transitorios xa que están suxeitos á neuro adaptación cerebral que, unha vez conseguida, minimizará de xeito significativo este tipo de problemas. As lentes premium multifocais tamén poden ser tóricas para a corrección non só da presbicia, senón tamén do astigmatismo.

Son lentes de alta precisión tecnolóxica e gran esixencia visual polo que, en certas ocasións para o seu óptimo funcionamento, unha vez operado de cirurxía de catarata ou de presbicia, o paciente necesitará un retoque con láser para axustar as dioptrías e minimizar as molestias post operatorias. Nalgúns pacientes cuxa neuro adaptación non é posible, o feito de retirar a lente e intercambiala por un modelo monofocal, é un tratamento alternativo.

Pedir cita
Galego